O acondicionamento de sendeiros atraerá pescadores e visitantes ás ribeiras do Miño

O Concello de Castrelo de Miño iniciou os traballos de acondicionamento de sendeiros en varios tramos das ribeiras do Miño con vistas a mellorar o acceso aos pescadores que son asiduos desta contorna e atraer a novos deportistas, e mesmo visitantes amantes da natureza.

O proxecto denomínase “Os camiños dos pescadores de Castrelo de Miño” e inclúe ademais da mellora do trazado a incorporación de zonas de descanso e recreo.

O alcalde de Castrelo, Xurxo Rodríguez Méndez, sinalaba que tamén está prevista a realización dun escenario de pesca deportiva para o que contamos coa colaboración da Federación de Pesca, onde se poderán facer competicións.

Referente

O rexedor mostrouse satisfeito con este proxecto, que persegue obxectivos como “mellorar vos servizos ós numerosos pescadores que veñen a Castrelo e atraer a novos deportistas”, sentenciou.

Respecto diso, o rexedor tamén matizaba que “non só queremos converter este concello nun lugar referente dos deportes náuticos senón tamén desta actividade fluvial tanto na súa vertente de lecer como na deportiva”.

As obras executaranse nas contornas de Troncoso, Astariz, Prado de Miño e Oleiros.

Fonte: Xornal La Región

Deixar un comentario