Anuncio: Axudas económicas para paliar os danos producidos polo xabaríl. MR809E.

O pasado 19 de abril de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 72, a Orde do 12 de abril 2010, da Consellería do Medio Rural, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril e se convocan para o ano 2010.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas de carácter compensatorio a favor dos afectados polos danos causados nos seus cultivos agrícolas polo xabaril.

As axudas a que se refire esta orde comprenden os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas desde o 1 de outubro de 2009 ata o 30 de setembro de 2010.

Os titulares dos cultivos afectados deberán dar coñecemento á Consellería do Medio Rural, nun prazo máximo de sete días, desde a produción do dano, por calquera dos seguintes medios:

  1. Mediante unha chamada desde as 8.00 ás 20.00 horas de luns a venres e das 8.00 ás 17.00 horas os sábados ao teléfono 012, a través do cal se lles facilitará unha clave, que servirá para acreditar a formulación da denuncia e identificala univocamente.
  2. Mediante o servizo de denuncia pola Internet de danos do xabaril en cultivos, que se pode atopar na páxina web https://www.xunta.es:444/caza/. O usuario deberá identificarse previamente a través do seu CIF/NIF, pasando a cubrir entón o correspondente formulario de denuncia. O proceso finalizará facilitando unha clave que servirá para acreditar a formulación da denuncia e identificala univocamente. O sistema unicamente permitirá emitir unha denuncia por CIF/NIF e día.

No caso de danos que se producisen entre o 1 de xaneiro de 2010 e a publicación desta orde, os titulares dos cultivos deberán comunicar o dano á Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes desde a entrada en vigor desta orde, mediante algún dos medios previstos no punto anterior.

Unha vez rexistrada a denuncia, o persoal da Consellería do Medio Rural desprazarase ata o lugar dos feitos para facer unha valoración final dos danos, despois do cal se poderá facer a colleita ou continuar co cultivo afectado. Esta valoración se recollerase nun informe que será remitido ao correspondente Servizo Provincial de Conservación da Natureza.

Serán beneficiarios:

  • Os agricultores profesionais que sufrisen danos nos seus cultivos por causa do xabaril. Neste sentido enténdese por agricultor profesional a persoa física titular dunha explotación agrícola, gandeira ou forestal que requira un volume de emprego de polo menos unha unidade de traballo anual e que obteña polo menos o 25% da súa renda de actividades agrarias.
  • As sociedades agrarias de transformación (SAT) e as cooperativas de explotación comunitarias de terras.

A documentación que se ten que presentar é a seguinte:

  • Solicitude normalizada segundo anexo II da orde, acompañada da seguinte documentación:
    • Fotocopia do CIF/NIF do/da solicitante da subvención ou persoa que o represente.
    • Ficha para a transferencia bancaria no modelo que se xunta como anexo III a esta orde.
    • Se o titular for unha persoa xurídica, CIF e acordo do órgano competente que aprobou a solicitude desta axuda.
    • Cando se actúe en nome doutra persoa, deberase acreditar a representación con que se actúa.
    • Declaración do título xurídico que posúe para a utilización do terreo en que se produciron os danos.
    • Declaración do conxunto das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas no modelo que se xunta como anexo IV a esta orde.
    • Só en caso de non estar inscrito no Rexistro de Explotacións Prioritarias deberá acreditarse a condición de agricultor profesional, mediante a presentación da seguinte documentación:
      • Para a acreditación dos requisitos económicos, haberá que presentar fotocopia cotexada da última declaración do IRPF ou fotocopia cotexada de 3 das 5 últimas declaracións do IRPF, incluíndo a última.
      • Para a acreditación das UTA:
        • Cando o titular sexa persoa física, a achega de man de obra acreditarase, segundo os casos, do xeito seguinte:
          • A man de obra familiar da persoa titular, cotitular e familiares que estean afiliados á Seguridade Social, co informe de vida laboral de cada un deles.
          • A man de obra familiar da persoa titular da explotación, ata o segundo grao inclusive, por consanguinidade ou afinidade que convivan no seu domicilio e estean ao seu cargo, que, estando ocupados na súa explotación, non teñan a obriga de afiliarse ao correspondente réxime da Seguridade Social, poderá estimarse ata un máximo de 0.5 unidades de traballo agrario pola primeira persoa traballadora e 0.25 unidades por cada un dos restantes membros. Esta circunstancia acreditarase mediante declaración xurada da persoa titular solicitante ou por calquera outra forma admitida en dereito, dun informe de vida laboral e do correspondente xustificante de que a persoa ou persoas a que se refire a declaración están ao seu cargo como beneficiarios/as na Seguridade Social e tamén na declaración do IRPF.
          • A man de obra asalariada acreditarase documentalmente co contrato de traballo e informe de vida laboral da empresa.
          • Cando a persoa titular sexa persoa xurídica, computarase unicamente a man de obra achegada polos socios/as asalariados mediante o informe de vida laboral destes, as súas declaracións do IRPF e os seus certificados de rendementos de traballo; mentres que no caso de asalariados non socios computarase mediante a presentación do contrato de traballo e o informe de vida laboral da empresa.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de outubro de 2010.

Advertisements

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: