O pasado 7 de abril de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 64, a Orde do 18 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á promoción da autonomía persoal e á accesibilidade e se procede á súa convocatoria. (DOG nº 64 de 7 de abril de 2010).
Esta orde ten como finalidade colaborar en determinados gastos, con efectos do 1 de xaneiro de 2010, destinados a:
- Apoiar a persoa con axudas técnicas ou produtos de apoio para o normal desenvolvemento da vida diaria.
- Facilitar as adaptacións funcionais do fogar e a eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda que contribúan a mellorar a autonomía persoal e a previr situacións de dependencia maiores, así como mellorar a súa accesibilidade.
- Adquisición de próteses dentais e audífonos co obxecto de compensar as limitacións funcionais.
Serán beneficiarios desta resolución:
- Persoas maiores, cunha idade igual ou superior aos 65 anos na data de publicación desta orde.
- Persoas con discapacidade menores de 65 anos na data de publicación desta orde, que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% polo equipo de orientación e valoración de discapacidades.por resolución anterior á data de publicación desta orde.
- Persoas que teñan recoñecida a situación de dependencia polo órgano de valoración da dependencia, nos seguintes graos e niveis:
-
- Grao III, niveis 1 e 2.
- Grao II, niveis 1 e 2.
Tamén poderán optar a solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as persoas que teñan solicitado o recoñecemento da súa situación de dependencia con anterioridade á data de publicación desta convocatoria. Neste caso, o dereito á percepción da axuda quedará condicionada a que lles sexa recoñecida a situación de dependencia en calquera dos graos e niveis anteriores.
Requisitos:
- Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Que a axuda solicitada derive da súa discapacidade ou grao e nivel de dependencia recoñecida ou ben se acredite a súa necesidade.
- Que a axuda solicitada non estea incluída no eido doutras liñas de protección social ou sanitaria.
- Que a renda per cápita da unidade familiar da que forma parte o solicitante, calculada conforme o previsto no artigo 9º letra a) desta convocatoria, non supere o 125% do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM) establecido para o ano 2010, incluíndo as pagas extraordinarias. Cando a unidade familiar estea formada por dous membros, ese límite elevarase ata o 150% do IPREM e, cando estea constituída por un só membro, ata o 175% do IPREM. No caso dos solicitantes de axuda destinada ás actuacións subvencionables previstas no artigo 3.B, estas porcentaxes reduciranse respectivamente ao 100, 125 e 150% respectivamente.
- Non ter percibido nos dous últimos anos axudas para o mesmo fin, solicitadas ao amparo das convocatorias referidas á presente orde, salvo que concorran as seguintes circunstancias:
- Que a adaptación ou axuda técnica solicitada sexa complementaria da anteriormente concedida, para os efectos de previr a situación de dependencia ou de promover a autonomía persoal do solicitante.
- Que a adaptación ou axuda técnica solicitada sexa distinta das anteriormente concedidas e se deba a un agravamento da súa situación.
- No caso de ter percibido axuda para distinto fin na convocatoria do ano anterior referida a esta mesma orde, deberá estar xustificada en tempo e forma.
- Os establecidos con carácter xeral para obter a condición de beneficiario de subvencións no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A documentación necesaria para solicitar dita axuda será a seguinte:
- Solicitude segundo o modelo do anexo III:
- Fotocopia compulsada do DNI, partida de nacemento ou outro documento análogo do solicitante e, se é o caso, do seu representante legal ou gardador de feito.
- Certificado de convivencia do padrón municipal de habitantes do concello de residencia, comprensivo de todos os conviventes.
- Orzamento detallado do gasto que se vai realizar.
- Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin procedentes de calquera administración pública ou ente público ou privado, no espazo destinado a esta finalidade que figura no propio modelo de solicitude.
- Autorización do solicitante da axuda ou do seu representante legal ou gardador de feito e dos demais membros da unidade familiar cuxos ingresos son computables, conforme o modelo previsto no anexo IV desta orde, para que a Consellería de Traballo e Benestar realice as consultas necesarias de ficheiros públicos para os efectos de comprobar a veracidade dos datos declarados, así como a obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria, directamente ou por medios telemáticos, a información correspondente para a determinación da renda da unidade familiar, segundo o establecido no artigo 9º letra a) desta orde.
- Documentación xustificativa doutros ingresos do solicitante da axuda ou dos demais membros da unidade familiar que non poidan ser obtidos a través do sistema anterior.
- De ser o caso, a documentación específica segundo o tipo de actuación para a que se solicita a axuda.
- De ser o caso, informe social emitido polos servizos sociais de atención primaria e/ou especializada comunitaria da rede pública acreditativo das circunstancias da vivenda.
- No caso daqueles solicitantes que teñan solicitado o recoñecemento da súa situación de dependencia con anterioridade á data de publicación desta orde, e estea pendente de resolver, deberán achegar fotocopia da dita solicitude.
O prazo de presentación de solicitudes será ata o 7 de maio de 2010.
Filed under: Axudas e Subvencións |
Deixar unha resposta