Quintana e Suárez Canal presentaron en Castrelo de Miño o Plan Especial de reforma das estruturas no polígono agrario das Bouzas.

No acto de presentación deste Plan Especial, nas Bouzas, xunto ao vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana tamén estiveron o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal; o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez; e o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido, quen destacou que “hoxe presentamos non un proxecto, senón unha forma de facer desenvolvemento agrario”.

O conselleiro Suárez Canal asegurou que “hoxe estamos dando un pequeno paso para As Bouzas, pero un gran paso para O Ribeiro e para toda Galiza na forma de afrontar a reestruturación das estruturas agrarias”. Un gran paso polo valor exemplificador que ten este Plan Especial para o Ribeiro e para toda Galiza por tres motivos: “polo seu valor exemplificador para romper estereotipos, polo seu valor exemplificador porque abre camiños e polo seu valor exemplificador de como hai que entender a política e para que pode servir a política cando hai un concepto de servir e de construír país dende abaixo e de servir á xente coa acción política”.

O alcalde de Castrelo de Miño, pola súa banda, falou do Plan Especial das Bouzas como “gran proxecto colectivo” que vai ser un exemplo e un referente para toda a Denominación de Orixe do Ribeiro e que, grazas a este Plan, “agora é posible crer no futuro do Ribeiro”. Salientou que o Concello de Castrelo de Miño e os seus veciños “demostramos que cando hai oportunidades como o Plan Ribeiro, estamos dispostos e preparados para aproveitalas”.

A actuación das Bouzas está enmarcada nun importante plan, o Plan de Impulso Vitivinícola do Ribeiro 2008-2010, un plan con impacto sobre 14 concellos da zona e cun investimento global de 23,6 millóns de euros.

Estas son, en palabras do vicepresidente da Xunta, as bases “do camiño que temos que seguir e que estamos seguindo” e que, segundo sinalou, están xa dando os seus froitos e “os datos e a realidade estannos dando a razón de que este é o camiño e a estratexia que temos que seguir”. Quintana explicou que hai cifras que avalan a xestión que se está realizando. Segundo os datos achegados, esta aposta pola base produtiva ratificouse co incremento nun 36% na venda de produtos agroalimentarios con selo de calidade e coa suba nun 59,5% nos niveis de facturación dos viños das cinco denominación de orixe galegas, por exemplo.

Tradición e innovación

Na súa intervención, Anxo Quintana reiterou que o Goberno galego seguirá traballando nesta liña de actuacións e de aposta polo rural. Dixo ademais, que “vamos seguir facendo o que sempre se fixo en Galiza cando lles deixaron facer as cousas á xente, ás galegas e aos galegos”, primando o traballo colectivo e a cooperación como claves para acadar os froitos desexados. A xuízo do vicepresidente, hai que romper con eses tópicos creados ao redor da figura dos galegos como persoas individualistas, xa que a tradición do país di todo o contrario, no rural galego sempre houbo unha costume de facer os traballos de xeito colectivo e comunitario, un traballo en común de todos os veciños e veciñas, plasmado en tradicións tales como a matanza do porco ou a malla.

Pois o vicepresidente explicou que precisamente isto é o que se vai facer nas Bouzas. “Nós queremos facer o que sempre se fixo en Galiza, pero con novos métodos, con maquinaria, con calidade e con capacidade para producir e non como antes, que tiñamos que andar e traballar co que había”. Este é, a xuízo do vicepresidente, “o auténtico cambio, o cambio que queremos facer desde o Goberno”, un cambio que non consiste en inventar estratexias que nada teñen que ver co país, senón en “recoller a tradición e incorporarlle os métodos novos, os resultados de anos de investigación, as experiencias novidosas e, por suposto, os cartos”.

En definitiva, para Quintana trátase de traballar en proxectos que sirvan para revalorizar o territorio, como acontece coa iniciativa presentada hoxe no Ribeiro, e, sobre todo, “trátase de revalorizar a economía da xente, que a xente poida vivir mellor”, enfatizou. “Este é o mellor que pode facer un Goberno”, subliñou o vicepresidente na súa intervención, na que tamén lle augurou un prometedor futuro á zona das Bouzas, onde se desenvolve o proxecto presentado hoxe e que servirá, en palabras de Quintana, para converter a esta zona nun “lugar de peregrinación” no que coñecer a fermosa paisaxe, a produción de viño de calidade e o traballo que foron capaces de facer os veciños e veciñas.

Traballo en rede

O vicepresidente Quintana manifestou a súa satisfacción por poder ver como traballan man a man a Xunta e os veciños de Bouzas nun proxecto novidoso, desde o que tamén poden contribuír a facerlle fronte á crise económica facendo o que sempre se fixo en Galiza, “traballando honradamente no que sabemos traballar e producindo e quitándolle beneficio aos recursos do territorio, que son moitos”.

Ademais, para Quintana esta iniciativa ten un valor engadido, porque reflicte que a política é un exercicio “de compromiso e de veracidade”, xa que supón a posta en práctica dun programa promovido recentemente pola Xunta. Tal como lembrou o vicepresidente, o pasado mes de decembro presentouse neste mesmo lugar o Plan de Impulso Vitivinícola do Ribeiro e hoxe, no mes de abril, dáse a coñecer neste marco unha iniciativa singular, enmarcada neste Plan, coa que se confirma que “así é como hai que facer política: prometendo, impulsando, lanzando proxectos, pero despois facéndoos”. “Hoxe temos a oportunidade aquí de demostralo”, manifestou Quintana.

Plan As Bouzas

O Plan Especial das Bouzas engloba, tal e como se expuxo hoxe, todas as frontes que dende o Goberno se están abordando para reforzar a competitividade do medio rural: o impulso do traballo cooperativo e en rede, o protagonismo activo na mobilización de terras improdutivas, a aposta polas explotacións agrarias racionais dimensionadas e ben comunicadas e a escolla de variedades nobres e autóctonas nos viñedos. A aposta polo traballo en rede maniféstase claramente neste proxecto que se pon en marcha grazas ao traballo conxunto de Administración, que aporta 1,5 millóns de euros, e veciños da zona, uns 40 propietarios que se implicaron e se asociaron para levar a cabo este proxecto.

Neste proxecto das Bouzas tamén se contempla a aposta que se lle dá á mobilización de terras improdutivas, xa que se está recuperando e ampliando superficie agraria útil para o desenvolvemento de producións. Neste caso, arredor de 30 hectáreas pasan a ser xestionadas de forma conxunta, superando así o deseño fragmentado de fincas e o elevado grao de parcelación da zona. E por último, o outro punto no que se basea este proxecto é a opción polas variedades nobres e autóctonas nos viñedos. “Esta é unha iniciativa valente, que aplica a intelixencia para abrir novos campos de oportunidade, que xorde do impulso compartido entre cidadanía e goberno”, sinalou o vicepresidente.

Descrición proxecto

O Plan Especial de reforma das Estruturas no Polígono Agrario da Asociación “As Bouzas” é un proxecto de produción agrícola en común, no que participan arredor de 40 veciños do núcleo das Bouzas que crearon unha sociedade anónima limitada para traballar conxuntamente. A Consellería de Medio Rural, a través do Plan de Impulso Vitivinícola do Ribeiro 2008-2010, inviste case 1,5 millóns de euros neste Plan.

A superficie total útil que se mobiliza neste proxecto é dunhas 30 hectáreas, das que o 50% dos terreos son cultivo de vide e o 50% restante son terreos abandonados, en parcelas de moi reducido tamaño e accesos non adecuados. Tras a execución deste plan, o 50% da superficie terá cultivo da vide con castes preferentes e o 50% restante, e mentres a sociedade promotora non adquira máis dereitos de plantación, terá cultivo de produtos de horta.

Esta iniciativa, na actualidade en fase de traballos topográficos, inclúe varias fases de actuación: traballos topográficos para delimitar a superficie (lindes de fincas) , acondicionamento dos accesos para facilitar o tránsito de maquinaria agrícola (construción de socalcos) , preparación do terreo, acondicionamento de viais dentro da explotación, infraestruturas de rega e plantación con variedades preferentes.

Preme para ver video 1:

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Preme para ver video 2:

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
Advertisements

Unha resposta

  1. […] un proxecto pioneiro en Galicia de plantación de viñedo ao que lle está facendo un especial seguimento desde o inicio, e do que xa emitiu un programa especial no mes de […]

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: