
O alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodriguez Méndez asistiu a Vigo, a asinar o Protocolo de colaboracion entre o concello de Vigo e os concellos de Castrelo de Miño, Pontevedra, Porriño e Santiago de Compostela, como mostra de apoio e colaboración no proxecto “Vigo candidata a Universiada de veran 2013″.
Os concellos de Castrelo de Miño, O Porriño, Santiago e Pontevedra, amosaron onte o seu apoio á candidatura viguesa para organizar os Xogos Mundiais Universitarios do verán de 2013 mediante a sinatura dun protocolo de colaboración que tivo lugar na sala de xunta de goberno do consistorio vigués.
O alcalde da cidade, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, rubricaron o texto protocolario acompañados polo alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, e os concelleiros de Educación e Deportes, respectivamente, Guadalupe Rodríguez e Marcos Rodríguez, por Santiago e O Porriño. Ao acto non puido acudir ningún representante do goberno municipal pontevedrés, aínda que Caballero lembrou que “Pontevedra está involucrada ao mesmo nivel” que as demais cidades e vilas.
O protocolo asinouse “para establecer as pautas de coordinación e propostas para o estudo das actuacións que de forma conxunta póidanse desenvolver” de ser elixida a candidatura viguesa, di o documento, que advirte de que “o desenvolvemento dun proxecto para albergar unha Universiada suporá para os concellos implicados unha gran alternativa de desenvolvemento e proxección social, cultural e deportiva”.
Con este acordo, Pontevedra (onde se disputará o waterpolo), Castrelo de Miño (sede do remo) e Porriño (unha parte do torneo de baloncesto) non só serán subsedes da Universiada, senón que tamén achegarán instalacións deportivas de reserva (Pasarón, o pavillón de Deportes de Pontevedra, o CPM porriñés…) para adestramentos ou por se fosen necesarias por calquera motivo. Precisamente a cidade de Santiago adheriuse á candidatura para achegar instalacións reserva (San Lázaro e o polideportivo do SAR).
Abel Caballero asegurou tras a sinatura sentirse “especialmente feliz” polo respaldo que con este acto recibiu a candidatura viguesa, que amosa que “este gran Vigo, cooperativo e solidario, é capaz de recibir cooperación e solidariedade dos demais”.
O concelleiro de Deportes vigués, Xabier Alonso, afirmou que con este protocolo, ademais das futuras construcións (Cidade do Deporte e vila universitaria), “presentamos todo tipo de garantías” para disputar todas as competicións marcadas ante a FISU (dez modalidades obrigatorias e tres máis elixidas pola candidatura). Pola súa banda, o alcalde de Castrelo de Miño dixo que a candidatura “é unha oportunidade fantástica para traballar con Vigo” e os edís de Santiago e O Porriño, “felices” por amosar o seu apoio, fixeron votos para que o sábado a FISU dea gañadora á candidatura viguesa por diante da tártara Kazan e a coreana Gwang-ju.
Filed under: Deporte










